Monday 29 de April de 2024

A Casa-Museo Emilia Pardo Bazán recupera a historia fotográfica da Coruña a partir do monumento á escritora


Coincidindo co centenario da inauguración da escultura que lle rende homenaxe á autora na súa cidade natal, a entidade promove a mostra ‘100 anos de historias’

O domingo 15 de outubro de 1916 tivo lugar na Coruña a inauguración da escultura que lle rende homenaxe a Emilia Pardo Bazán na súa cidade natal. Un século despois, a Casa-Museo da escritora inaugurou esta mañá, ao pé da escultura, a exposición ‘100 anos de historias. O monumento a Emilia Pardo Bazán como pano de fondo. 1916-2016’, que constitúe, en palabras do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, “unha homenaxe a unha das grandes plumas de Galicia, a unha pensadora e a unha das grandes ilustres do seu tempo”.

“Emilia Pardo Bazán abriu camiños novos, nunha cultura con escasa estima propia e nunha sociedade na que a inmensa maioría das mulleres non eran escolarizadas”, asegurou Anxo Lorenzo, quen destacou a intensa relación que sempre mantivo a escritora coa súa cidade natal, tanto no plano persoal coma no literario.

Contribución á cultura galega
Finalmente, puxo en valor a contribución da escritora para enriquecer a cultura galega e a estima dos galegos por ela: “Por unha parte, pola súa achega desde a xenialidade da súa escrita e, por outra, pola mensaxe enérxica que enviou en favor dunha sociedade máis igualitaria e máis instruída”.

Co apoio da Consellería de Cultura e Educación, a exposición expón no Cantón Grande da Coruña, ata o próximo 4 de novembro, o devir do monumento dedicado a Emilia Pardo Bazán e a súa relación coa xente da Coruña, a través de 190 fotografías que achegou a propia cidadanía.

A mostra inaugurada esta mañá –nun acto no que tamén participaron, entre outros, a vicepresidenta da Deputación Provincial da Coruña, Goretti Sanmartín; o concelleiro de Cultura do Concello da Coruña, José Manuel Sande; a directora-conservadora da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán, Xulia Santiso (comisaria); e a directora do centro comercial Marineda City, Ana López– é froito da actividade ‘Fotos para completar un centenario. O monumento a Emilia Pardo Bazán, pano de fondo dun século de historia’, a través da que se recompilaron as imaxes que conforman o proxecto expositivo.